lunes, 30 de septiembre de 2013

Xeitos de non perder a creatividade: un Club con Antifás

O afamado psicopedagogo Ken Robinson afirma que a base da creatividade é o pensamento diverxente: a facultade de atopar moitas respostas a unha mesma pregunta. No vídeo Cambiando Paradigmas cóntanos que esta capacidade decrece exponencialmente, no mundo occidental, desde os 3 ós 16 anos. Ou o que é o mesmo: os sistemas educativos das "civilizacións máis avanzadas" atrofian a creatividade. Iso si: fabrican adoutrinados consumidores sen criterio moi convintes para as democracias neoliberais.


Pero déixenme que retroceda tres anos antes da aparición deste vídeo nas nosas vidas:

No IES A Cachada dábamoslles clase tres días por semana, pero querían máis. Propuxémoslles tarefas complexas e ata anticipamos conceptos do curso seguinte. Querían máis. Había unha viaxe de estudos e ocurríusenos que o organizasen por si mesmos, na aula: querían máis. Comezamos a reunirnos en horario extraescolar, aprendéndolles as ferramentas con que nosoutras xestionamos o noso traballo e ocio (o recén chegado Google Docs, os foros e páxinas de viaxes); inevitablemente, o noso xeito de entender o mundo filtrouse polos seus poros, e para a nosa sorpresa, a súa inquietude e creatividade reactivou en nós mecanismos que empezabamos a esquencer. A ósmosis perfecta: as súas mentes comezaron a expandirse e a nosa percepción do proceso educativo mudou por completo.
Sabémolo: fai anos que certo profesorado e alumnado partillan o seu tempo libre e rompen as barreiras dunha educación encorsetada e antiga. Pero para nosoutras, aqueles mozos e mozas foron a nosa primeira vez. Xuntos creamos un proxecto no que a creatividade xustifica os medios, e o compromiso coa nosa cultura e planeta é o noso “un para todos e todos para un”.

Así naceu o Club do Antifás, un obradoiro social-creativo do que podedes saber máis na súa páxina web ou agardar por futuras entregas neste blog de adorables Creaturas do lugar...

No hay comentarios:

Publicar un comentario